luns, 2 de novembro de 2020

Cen anos de Nós

 O 30 de outubro de 1920 saía do prelo por primeira vez unha publicación con esta elegantísima cabeceira:


A revista apareceu en Ourense, baixo direción de Vicente Risco, e no seu consello de redación e colaboradores da publicación figuran os principais actores da cultura galega entre ese ano de 1920 e 1936, cando a Guerra Civil interrompeu definitivamente a publicación. Ese último número de xullo de 1936 non chegou a ser distribuído, e poucos exemplares sobreviviron á queima da imprensa de Ánxel Casal polos falanxistas. Xa en 1923 e ata 1925, a Ditadura de Primo de Rivera e as dificultades económicas foran causa dun parón na edición da revista.


Os obxectivos da revista eran normalizar o uso do galego e darlle á língua un nivel culto do que carecía, investigar sobre a identidade galega e ofrecer unha publicación de moita calidade en todos os niveis, incluído o gráfico (fixádevos nas fermosas ilustracións de Castelao):


A revista deu o seu nome a toda unha xeración de escritores, ilustradores, pintores, investigadores que potenciaron o uso do galego como lingua culta e incidiron no descubrimento do que somos como pobo.

O venres 30 de outubro de 2020 chegou á biblioteca do noso instituto o fermoso facsímile do que tirei as fotos que se ven neste pequeno artigo, por iniciativa do diario Nós, que recibimos todos os días. Oxalá máis iniciativas que nos recorden o orgullo de sermos nós, galegos e galegas.



P.S.: para saber máis de Nós, aquí vos deixo algúns enlaces 






Ningún comentario:

Publicar un comentario

ESCOLADEMENCIÑEIROS

O proxecto Escola de Menciñeiros foi unha oportunidade de inmersión lingüística para o alumnado de 3º ESO do noso IES, que tivo que procura...