sábado, 28 de novembro de 2020

Mes da ciencia en galego. Papiroflexia: Estrelas (2º ESO C)

VÍDEO: Estrelas 


Pregado: Iliana Paz (2º ESO C)
Música: Tatanka l Estrelas (com Carolina Deslandes)


Xa case chegou o Nadal! Como estamos a pasar unha pandemia mundial e andan os ánimos un pouco baixos, quixemos darlle unha pouca de cor ó noso centro. Así que nun par de clases de Matemáticas aprendemos algo de técnica origami (ou papiroflexia) e estivemos a facer estrelas pregando follas de moitas cores. O resultado ven da man de Iliana, a cal se lle dá moi ben esta arte de orixe nipón.

A ver se vos animades a facer algunha! 

xoves, 26 de novembro de 2020

Mes da ciencia en galego. Papiroflexia: "A miña clase de Matemáticas" (1º ESO C)

 

Pregado: Ariadna Sánchez

Voz: Sara Quintas


A papiroflexia, a cal podemos considerar como unha arte, unha ciencia e un entretemento, ten unha gran importancia na aprendizaxe das matemáticas.  Para a/o matemática/o, a beleza da papiroflexia está na súa simple xeometría. En cada anaco de papel hai patróns xeométricos, combinacións de ángulos e rectas que permiten á folla chegar a ter variadas e interesantes formas.

Grazas á papiroflexia pódense realizar, cun material tan accesible como o papel, figuras que serven para explicar conceptos matemáticos: dende priegues simples para explicar proporcións e ángulos a outros máis complexos para entender superficies tridimensionais como o paraboloide hiperbólico. Anoando simplemente unha tira de papel, conseguimos facer un pentágono e unindo varias pezas de papel pregadas de maneira idéntica podemos chegar a construír calquera dos cinco poliedros regulares.



domingo, 15 de novembro de 2020

Microrrelatos Samaín, Parabéns!

Xa temos aquí os relatos gañadores do Concurso de microrrelatos do Samaín 2020. Estivo difícil, pero ao final estes son os textos gañadores. 

CATEGORÍA ESO: Pablo Rodríguez, 4º ESO A

A CURIOSIDADE

Despertáronme uns fortes golpes no salón, coma se houbese un terremoto e todo estivese caendo. Oín a lámpada romperse, á mesa caer e coma se algo estivese raspando a porta do meu cuarto. Levanteime da cama e collín un zapato para defenderme. Dispúxenme a saír e xusto cando collín o pomo da porta todos os ruídos cesaron. Respirei fondo e abrín, todo estaba igual. Pensei que me volvera tolo, pero revisando todo vin que había unha nota no espello e non recordaba tela posto aí. Cando a collín xusto notei unha forte dor no abdome e notei que me faltaba o aire. Mirei pra miña barriga e vin un coitelo, atravesándome.


CATEGORÍA BACHARELATO: Noa Cid, 1º BAC A

O ESPELLO

 

Tapo o espello coma todas as noites, co mesmo velo co que casaron todas as mulleres da miña familia. Non sei por que teño que facelo pero advertíronme que era pola miña seguridade. Aínda que me dá moita curiosidade saber que pasa con este obxecto e por que é tan preciado.

Unha noite non fixen o que tanto me recordaban os meus pais cada noite. Fun durmir tranquilamente, pero, a iso das dúas da mañá, escoito golpes e vexo que dende o espello sae un fío branco, que pese a estar na escuridade faise ver. Sinto a necesidade de seguir o fío e ver que se atopa do outro lado do espello. Sígoo pero cada vez síntome máis cansa, cústame abrir os ollos e visualiazar o meu arredor. Faise eterna a viaxe da miña cama ata o espello, creo que cada vez perdo a capacidade dos meus sentidos, non sei nin quen son, só me manteño agarrada a ese cordel branco. Dúrmome. Á mañá seguinte non vexo nada, todo está negro ata que o meu pai, sonrindo, saca unha tea que me impedía ver ben o que pasaba. Visualizo o meu cuarto. Doume conta de que hai un corpo inerte na miña cama e que eu estou dentro do espello e aquí estarei polo resto da eternidade, ou non?


Grazas ao alumnado que particiou. Fixéstelo xenial!

mércores, 4 de novembro de 2020

Novembro, mes da ciencia en galego




 Queremos máis ciencia. Queremos máis galego. Son dous xeitos de iluminar o mes de novembro, sempre escuro. Así que... DESAFÍO, PROFES E ALUMNADO!!!

O blog da biblioteca é tamén un blog de ciencia, queremos máis ciencia!!! Queremos máis ciencia en galego!!! Enviade as vosas propostas.

Polo de agora, aquí tedes o manifesto de Ángel Carracedo para o Mes da Ciencia:

Manifesto do mes da ciencia en galego


Unha ligazón á recompilación de materiais de ciencia en galego:

Materiais de ciencia nas Bibliotecas escolares


A ligazón ao XI día da ciencia en galego:

Ciencia en galego


E por fin, en que consiste e por que se celebra o mes da ciencia en galego:

Ciencia en galego






Parabéns, Alejandro

 Alejandro Camba vén de recibir  o premio do Concurso fotográfico Arquitectura para lembrar do Concello de Taboadela.

Noticia do premio en La Región

Alejandro foi alumno deste centro ata o curso pasado. Colaborador da biblioteca e excelente persoa, Alejandro é un fotógrafo xa moi maduro, como se pode aprezar na súa páxina:

Fotos de Alejandro Camba

A páxina tamén destila o seu amor pola natureza e os animais. 

No enlace de abaixo podedes ver as fotos do concurso nun vídeo do Facebook do Concello de Taboadela, ao que tamén hai que felicitar pola iniciativa e pola boa calidade das fotos:

Fotos do concurso Arquitectura para lembrar

Misterio resolto!

... e polo corredor do instituto escoitábanse lúgubres voces que dicían nun lamento: "e onde está a máscara que deseñei? non a atopo entre estas da exposición!"... (lede isto con voz de ultratumba).

E o misterio por fin está resolto. Aquelas máscaras que faltaban... eran as finalistas! Que foi moi difícil escoller, estaban todas fantásticas, pero en fin, un concurso é un concurso, e hai que decidir despois de moito discutir e moito empate. Así que parabéns, artistas, estas teñen lugar especial, á porta da biblioteca:






Que medo daban.!

Ah, que quen gañou? Pois o autor destes ollos que espreitan na escuridade:



Parabéns, Paulo!

E parabéns a quen participou, e grazas, por poñerlle medo ao virus.

luns, 2 de novembro de 2020

Terror e pavor polo corredor

 O corredor do edificio ESO está cheo de monstros, caliveiras, cairos ensanguentados e horribles creaturas da noite. Para poñernos medo? Nooon: para poñerlle medo ao coronavirus! Porque decoran as máscaras que todos e todas levamos para que o COVID19 non nos entre no corpo, e para evitar a posibilidade de contaxiar a outras persoas (todos e todas podemos ser transmisores).

Este Samaín, vos, artistas, puxésteslle medo ao virus!








Son terroríficamente preciosas.

E lembrade, para poñerlle aínda máis medo, levade sempre correctamente a vosa máscara!


Cen anos de Nós

 O 30 de outubro de 1920 saía do prelo por primeira vez unha publicación con esta elegantísima cabeceira:


A revista apareceu en Ourense, baixo direción de Vicente Risco, e no seu consello de redación e colaboradores da publicación figuran os principais actores da cultura galega entre ese ano de 1920 e 1936, cando a Guerra Civil interrompeu definitivamente a publicación. Ese último número de xullo de 1936 non chegou a ser distribuído, e poucos exemplares sobreviviron á queima da imprensa de Ánxel Casal polos falanxistas. Xa en 1923 e ata 1925, a Ditadura de Primo de Rivera e as dificultades económicas foran causa dun parón na edición da revista.


Os obxectivos da revista eran normalizar o uso do galego e darlle á língua un nivel culto do que carecía, investigar sobre a identidade galega e ofrecer unha publicación de moita calidade en todos os niveis, incluído o gráfico (fixádevos nas fermosas ilustracións de Castelao):


A revista deu o seu nome a toda unha xeración de escritores, ilustradores, pintores, investigadores que potenciaron o uso do galego como lingua culta e incidiron no descubrimento do que somos como pobo.

O venres 30 de outubro de 2020 chegou á biblioteca do noso instituto o fermoso facsímile do que tirei as fotos que se ven neste pequeno artigo, por iniciativa do diario Nós, que recibimos todos os días. Oxalá máis iniciativas que nos recorden o orgullo de sermos nós, galegos e galegas.



P.S.: para saber máis de Nós, aquí vos deixo algúns enlaces 






ESCOLADEMENCIÑEIROS

O proxecto Escola de Menciñeiros foi unha oportunidade de inmersión lingüística para o alumnado de 3º ESO do noso IES, que tivo que procura...